domingo, 15 de abril de 2018

A Mocidade Comunista perante a folga do 19 de abril.

Este 19 de abril hai convocada unha folga de estudantes na que como comunistas debemos analizar de onde parte, con que finalidades e a súa posibilidade de éxito; así como expresar en que medida esta folga é a folga que necesita o alumnado tendo en conta as características da mesma. 

Esta folga é convocada fai algo máis dun mes pola Asemblea Aberta de Mulleres da USC, despois de ser plantexada nas Asembleas Abertas (principalmente da USC). Sen saber moi ben como a folga saltou dunha asemblea a outra, o STEG, Sindicato de Traballadoras e Traballadores da Educación de Galiza, afirma que a folga é convocada por Erguer, Anega e Acción Universitaria. O resultado é que, como tradicionalmente vén pasando, a folga á que os estudantes e as estudantes estamos convocadas xorde non sabemos moi ben de onde, pero estamos convocadas. A diferenza semella ser que os sindicatos de traballadores e traballadoras non convocan e que a folga é unicamente en Galiza. 

Todo isto marca diferenzas con dinámicas anteriores, como as dinámicas do curso pasado, cando o 9 de marzo o conxunto da Comunidade Educativa convocaba folga estudantil en todo o Estado. Fóra de apuntarse tantos, alumnado e profesorado saímos ás rúas dunha forma en que facía tempo que non saíamos. Porque si, o alumnado segue reivindicando os seus dereitos e loitando, porque nos centros de ensino de todas as ramas hai problemas que necesitan resolverse, ademais do 3+2, a LOMCE e o conxunto de medidas privatizadoras e contra a nosa educación. 

Non obstante, esta folga do dezanove de abril probablemente teña pouca repercusión nos centros de ensino de Galiza, debido á pouca información do alumnado con respecto a esta, mesmo sen saber que existe a poucos días da mesma. Partindo disto, desde a Mocidade Comunista o mínimo é apoiar ó alumnado que decida facer folga e loitar polos seus dereitos, pero non só iso, desde a Mocidade Comunista queremos participar da folga e propoñer un modelo de folga combativo, que parta do sindicalismo de base e diario pero que sexa capaz de unir forzas contra as medidas privatizadoras. Polo tanto, entendemos que hai unha serie de puntos sobre os que traballar de forma propositiva con respecto da nosa educación e do movemento estudantil: 

1º Recuperar a utilidade sindical e democrática. Entendemos que é esencial que o alumnado se organice no seu centro de estudo para resolver os problemas existentes nel, xa sexan problemas orzamentarios, falta de material ou problemas co transporte como a masificación das aulas. Estes son problemas xeralizados que necesitan solución. Sobre a base destes problemas reside a capacidade de organización propia, sempre desbotando o sindicalismo de cúpulas e promovendo a unidade da Comunidade Educativa. 

2º Promover a unión do alumnado baixo formas sindicais democráticas que analicen consecuentemente os problemas que asolagan os centros de ensino e sinalar conxuntamente o momento concreto para a apertura de ciclos mobilizatorios e combativos. A través do sindicalismo de base e asembleario situar os elementos que faciliten que a loita dos centros de ensino remate en ciclos de mobilización e combate que poñan ó conxunto da Comunidade Educativa en situación de esixir solucións. Desbotemos as folgas mecánicas e festivas: debemos convertir a mobilización en organización e en solucións. 

3º Situar a loita estudantil na coxuntura axeitada. Debemos traballar para que as mobilizacións de carácter estudantil, ademais de mellorar a súa capacidade de mobilización e presión baixo as condicións anteriores, se enmarquen nun ciclo de mobilización do conxunto do pobo traballador: contra a represión xeralizada, por unhas pensións dignas, pola igualdade, contra as guerras entre pobos e, en definitiva, contra todos os aspectos nos que o capital nos perxudica como pobo traballador.

Este 19 de abril, os Colectivos da Mocidade Comunista apoiamos a folga e loitamos por un modelo de sindicalismo con capacidade de vitoria para o alumnado. Este 19 de abril, comezar a ganar a nosa educación!

Ningún comentario:

Publicar un comentario