mércores, 2 de agosto de 2017

Comunicado - Este verán: organízate contra a explotación, contra o machismo e o consumismo!







                Chega o verán e con el ábrese un novo escenario para a mocidade marcado polo traballo estacional e polas festas en moitas vilas e cidades. Por unha banda, respecto ao traballo estacional, con el a clase traballadora sofre dende a ausencia de contratos ata a realización de centas de horas extra non pagadas. As condicións son especialmente descarnadas para as mulleres mozas: exemplo disto é a dobre escala e a fenda salarial pola que nos pagan entre un 20% e un 30% menos nos nosos traballos, ou os requisitos físicos que moitas empresas privadas poñen para poder acceder ao emprego. Pretenden, así aproveitarse do noso físico en postos tan diversos como camareiras, captadoras de clientes para locais de restauración, bailarinas, vendedoras, e unha longa lista de empregos.

                Pois é que as mulleres traballadoras non só sufrimos explotación como obreiras, senón tamén discriminación polo noso xénero. Así, á maior explotación laboral debemos unir outras problemáticas que sufrimos , tales como as restricións ó noso dereito a abortar e o control da nosa saúde sexual, a violencia machista nas súas múltiples formas, e un longo etcétera. Hoxe, as mulleres mozas traballadoras padecemos unhas condicións de vida e traballo que atentan contra a nosa integridade física e mental.

                Pero, pola outra banda, o verán tamén está marcado polas festas populares, nas que participan moitos mozos e mozas. A diversión, o alcol, a música, os bailes..., ademais da aparente diversión levan consigo outras realidades normalmente non tan evidentes. Dende os Colectivos da Mocidade Comunistas (CMC) vemos a necesidade de denunciar que tralos eventos desta índole, moitas veces ocultase, ademais do absoluto desprezo aos dereitos laborais, unha lamentábel realidade, que non é outra que a gran cantidade de actitudes e agresións machistas que sufrimos as mulleres, chegando nos casos mais graves a producirse agresións sexuais e violacións.

                Cantos anos levamos escoitando que se agrede a mulleres mozas nas festas das nosas vilas e cidades? Chegamos a un punto no que está normalizado escoitar que se produciu unha violación nas festas, camuflándoo baixo a escusa da festa e do alcol, ou incluso chegando a criminalizar á vítima. Pero a integridade vital das mulleres non pode estar en risco ningún minuto mais, non podemos seguir deixando que este tipo de accións se xustifiquen, normalicen ou se silencie ás súas vítimas cando deciden dar un paso adiante denunciando o que sufriron.

                Mais cabe facerse unha pregunta mais: cal é o contexto onde maioritariamente se dan estas agresións durante o verán? O da festa, o do alcol, que reproducen un modelo de ocio baseado no inmediato, na necesidade de vivir experiencias extremas e no consumismo como única vía de diversión. Os Colectivos da Mocidade Comunista loitamos para que as festas, como o resto de ámbitos no que se relaciona a mocidade, estean libres de machismo, explotación ou violencia para todas e todos. Isto pasa por traballar con determinación para construír un novo modelo de ocio na mocidade, un modelo onde a diversión sexa parte da cultura popular, en base a uns principios elementais de respecto, tolerancia, colaboración, axuda, etc.

                Por iso, a Mocidade Comunista pretende este verán facer unha campaña para poñer ao descuberto a situación que vivimos as mulleres traballadoras en ámbitos tan diversos como o emprego, o ocio ou os nosos dereitos sexuais, denunciar a explotación e a opresión que condiciona o noso dia a dia, e abrir horizontes en canto á concepción do ocio entre a mocidade.

                Este verán: organízate contra a explotación, contra o machismo e o consumismo!

                Colectivos da Mocidade Comunista.
               

Ningún comentario:

Publicar un comentario