xoves, 17 de decembro de 2015

[Pontevedra] A auténtica agresión é a que padece a clase obreira!


Onte, día 16 de Decembro, na cidade de Pontevedra,  un rapaz menor de idade, natural da cidade, propinaríalle a Mariano Rajoy, presidente do goberno, unha labazada na Praza da Peregrina mentres paseaba pola rúa completamente despreocupado. Posteriormente o rapaz é detido e levado a dependencias policiais, á espera de que se lle traslade o xulgado de menores, os cargos que se lle imputan, e que coñecemos ata o de agora é “atentado á autridade”. A Rajoy finalmente o seu médico recetaríalle pomada antiinflamatoria, e seguiría o seu percorrido electoral sen percances.

Esta “agresión” por parte do mozo non é algo que o propio Mariano Rajoy non provocase (nin se mereza), xa que a lista de suicidios por causa da crise é interminable o igual que a dos desafiuzamentos, tamén os mortos polo terrorismo patronal (o que lle chaman “accidente laboral”), os feminicidios, os inmigrantes nas fronteiras de Melilla que son tiroteados pola Garda Civil, etc, etc… Todo isto ten un nome: Mariano Rajoy, un monicreque máis do gran capital. Todas estas desgrazas teñen a súa firma e provocan a máis crúa indignación do pobo e da súa clase traballadora, que se manifesta de formas moi dispares, e o sucedido onte en Pontevedra, é unha delas, por iso, o mozo que onte protagonizou este feito non debe ser criminalizado, se non todo o contrario, debémonos solidarizar activamente con el e defendelo ante o ataque mediático.

Por todo o dito, dende os Colectivos da Mocidade Comunista na Galiza e ante estes feitos, queremos manifestar en primeiro lugar a nosa esixencia da inmediata posta en liberdade e sen cargos do rapaz detido, e segundo, denunciar o circo mediático que os medios de comunicación fixeron de este suceso, que cadraría oportunamente coa campaña electoral, algo que sen dúbida daralle máis repercusión os feitos e servirá para criminalizar e estigmatizar a mocidade no seu conxunto. Ademais tratarán de facernos ver que no noso estado “non hai lugar para a violencia”, cando isto é totalmente falso, xa que para algo o propio estado ten un aparato represor (CNP, Garda Civil, Exercito, etc, etc…) que se encarga de exercer o monopolio exclusivo da violencia, isto é: o estado capitalista como violencia organizada e exercida dende unha clase (a burguesa), para oprimir á outra (á clase obreira). 

Mostrar tamén a nosa solidariedade e o noso apoio as persoas achegadas o rapaz, así como os seus familiares e amigos.

A CLASE OBREIRA É A AUTENTICA AGREDIDA!
LIBERDADE INMEDIATA PARA O DETIDO!

Ningún comentario:

Publicar un comentario