sábado, 28 de novembro de 2015

Xosé Neira Vilas

O día 27 de Novembro saía unha triste nova na prensa: O falecemento de Xosé Neira Vilas .
Xosé Neira Vilas faleceu aos 87 anos na súa casa de Gres, no axuntamento de Lalín, do que era natural.
Xosé Neira Vilas, autor prolífico en lingua galega e referente cultural para todos nós, galegos e galegas, naceu un 3 de Novembro de 1928 no seo dunha familia campesiña sendo ao longo da súa vida un abandeirado dos sufrimentos do campesiñado, da xustiza e dos valores revolucionarios.
Despois dunha infancia dura na Galiza rural e unha Guerra Civil entre medias, Neira Vilas estudará Xornalismo e emigrará a Arxentina e a Cuba, onde se relacionará con autores de referencia da nosa cultura como Luis Seoane, Eduardo Blanco Amor ou Rafael Dieste.
Na emigración coñece a escritora cubana Anisia Miranda coa cal se casa en 1957 e funda a editorial “Follas Novas” co obxetivo de dar a coñecer a literatura galega no hemisferio occidental .  En 1961 vaise vivir a Cuba.
En Cuba empeza a colaborar coa revolución , desde 1969 dirixe a sección galega  do Instituto de Literatura y Lingüística de la Academia de Ciencias de Cuba . Durante este período crea el Fondo Gallego  que se converte no fondo bibliográfico máis importante do continente americano sobre autores galegos na emigración.
En Días de Cuba, un dos seus últimos libros (aínda ata uns días atrás seguía moi activo coa produción literaria), dá a súa visión da revolución cubana.  Neste libro dá unha visión totalmente distinta da realidade cubana da que temos polos medios de comunicación burgueses. Neira Vilas destacaba que en Cuba non se vía a crítica como algo negativo
“Poida que sexa Cuba o único país do mundo en que os dirixentes acollen a crítica como un xeito de contribuír a mellorar a eficiencia dos organismos que dirixen,  (Dias de Cuba, Neira Vilas)

O seu libro máis destacado é ‘’Memorias dun neno labrego’’ (1961) que coñecemos en profundidade e que sempre quedará na nosa memoria e na das próximas xeracións como pegada histórica da realidade franquista e de todas as dores que tivo que soportar o noso pobo: O caciquismo, a violencia indiscriminada contra os pobres, a persecución, os tempos grises…
Un exemplo disto é a seguinte frase de “Memorias dun neno labrego”   :
“A aldea é unha mestura de lama e fume, onde os cans ouvean e a xente morre "cando está de Deus", como di a madriña. Os rapaces somos tristes. Enredamos, corremos tras dos froguetes e ata rimos, pero somos tristes. Temos a pobreza e os trafegos da terra aniñados nos ollos”.
Tamén escribiu ‘’Cartas a Lelo’’ (1971) como continuación do anterior e máis de cincuenta novelas máis ao longo da súa vida.
Que os berros de Balbino recorran as aldeas da Galiza e as de todo o mundo e o pobo se erge contra as inxustizas. Xosé Neira Vilas, referente de valores, revolucionario e galego. que a terra che sexa leve, compañeiro. Descansa en Paz.

 Pola memoria de Xosé Neira Vilas, autor de nós, xa que adicou toda a súa vida a nós, á nosa cultura.

Ningún comentario:

Publicar un comentario