domingo, 23 de agosto de 2015

Salvar o leite – Sairmos da UE. Resolución de COMUNISTAS DA GALIZA-PCPE.


Diante da crise que pon en perigo a existencia mesma do sector lácteo na Galiza, Comunistas da Galiza-PCPE declara: Este sector produtivo debe considerarse estratéxico por tratarse do principal sector agrogandeiro e un dos principais motores económicos e de estruturación social da Galiza, cuxa liquidación está a supor o despoboamento e a desertización do rural galego, a ruína de milleiros de familias, o peche de pequenas e medianas explotacións nas concas leiteiras galegas e a creba definitiva da autosuficiencia alimentaria da Galiza.
A situación pola que atravesa o sector é desesperada e periga a súa propia supervivencia nun escenario de encarecemento dos insumos, caída libre dos prezos pactados polos monopolios da industria leiteira e as grandes superficies por baixo dos propios custos de produción.
Esta ofensiva é non só consentida senón artellada desde os gobernos tanto español como autonómico, que non “miran a outra parte”, miran polos intereses da oligarquía á que representan e da que forman parte. Os gobernos galego, español e europeo gobernan para garantir os negocios dos grandes grupos monopolistas e das grandes corporacións europeas cuxos intereses representa a Unión Europea de capital.
A liquidación do sector lácteo remóntase ao momento me-mo da entrada de España na CEE (hoxe UE) que supuxo a perda do 90% das explotacións gandeiras existentes na Galiza e un proceso de concentración capitalista no agro que levou á ruína a pequenos e medianos produtores e constrinxiu a capacidade produtiva do sector, encamiñándose cara un modelo de grandes explotacións propiedade de grandes grupos monopolistas e sacrificando a produtores, consumidores, calidade do produto e futuro do agro. As cotas e a “liberalización” non son dúas políticas senón a mesma política económica dirixida a esmagar a produción leiteira galega para colocar os sobrantes lácteos dos países membros do eixo dominante na Europa dos Monopolios (nomeadamente Francia) cuxos intereses representa e impón a UE utilizando instrumentos como a PAC imperialista.
Non se pode acusar de falta de iniciativa ao goberno au-tonómico nin ao español: ambos desenvolveron amplas ini-ciativas para efectuar, sen tremerlles a man, unha política económica de desmantelamento dos sectores produtivos baixo o ditado da UE, ao servizo das grandes empresas e á conta da ruína dos pequenos produtores que non teñen cabida nun modelo orientado ás grandes explotacións para alimentar aos monopolios da alimentación.
O fenómeno inscríbese nunha crise de sobreprodución que sacude a todo o mundo capitalista. Sobreprodución non implica que sobre leite. Pola contra a inmensa maioría da humanidade traballadora non ten acceso a ela. A superprodución de mercadorías que dá lugar ás crises non é absoluta, senón relativa. O exceso de mercadorías só existe se se ten en conta a demanda solvente, pero non en comparación coas verdadeiras necesidades da sociedade.
A causa máis profunda das crises económicas de superprodución baixo o capitalismo reside na contradición fundamental do devandito réxime: a contradición entre o carácter social da produción e a forma capitalista privada de apropiación dos resultados da produción.
Nas épocas de crises destrúense enormes riquezas ao mesmo tempo que deixan de satisfacerse as necesidades máis perentorias das grandes masas populares. A modo de exeplo, durante a crise do Crac do 29 demoléronse 92 altos fornos nos Estados Unidos, 72 en Inglaterra e 28 en Alemaña. En 1933 nos Estados Unidos, arrasáronse, labrando de novo os sementados, 10.400.000 acres de algodonais.
Saudamos a iniciativa das organizacións agrarias galegas que, xunto a outras organizacións populares e de masas, promoveron a constitución dunha plataforma de defensa do sector e un calendario de mobilizacións para reclamar medidas urxentes aos gobernos español e autonómico.
Estaremos nesas mobilizacións apoiando firmemente a loita polo leite e puntualizando insistentemente que salvar o sector lácteo, só é posíbel no marco dun programa que rache coa UE e o euro, que fomente o cooperativismo e avance cara á nacionalización das grandes explotacións e de todos os elos da produción, a transformación e a distribución, no marco dunha economía planificada socialista que remate coa anarquía da produción e co imperio omnímodo dos cárteles alimentarios e teña como único obxectivo a satisfacción das necesidades sociais e a autosuficiencia alimentaria do noso país.

Ningún comentario:

Publicar un comentario