sábado, 1 de agosto de 2015

Ante o asasinato de dúas nenas en Moraña

Onte un home en Moraña asasinou brutalmente ás súas fillas, de 4 e 9 anos, logo de chamar á Guardia Civil para advertir das súas intencións. Supostamente trataba de "vingarse" da súa ex-muller. Seguidamente, intentou suicidarse, sen logralo.


Os Colectivos da Mocidade Comunista condenamos este novo ataque machista, un máis dos que sufrimos a cotío. Denunciamos a violencia de xénero como o grao máis extremo da longa serie de discriminacións e inxustizas que sufrimos as mulleres no sistema capitalista, un sistema baseado na violencia como método de apropiación de recursos e corpos. Esta violencia sustentada na división sexual do traballo, diferente reparto de roles do xénero e inferioridade da muller nas posición de poder, está imposta polo sistema patriarcal aliado natural do capitalismo.

 Aproveitamos este terrible suceso para denunciar non só a violencia física se non tamén a violencia exercida pola explotación, a discriminación salarial no traballo, acoso laboral e sexual nos centros de traballo, de estudos, nos fogares… Dun continxente intimidado e disciplinado de traballadoras benefíciase o capitalismo na súa simbiose co patriarcado, da súa alianza saen altos niveis de explotación da nosa desvalorizada forza de traballo. A violencia económica contra as traballadoras é rendíbel, porque nos coloca nunha posición de subordinación e de exposición á violencia, en condicións de maior vulnerabilidade.

 Os feminicidios e formas extremas de violencia contra as mulleres prodúcense en numerosos países do mundo mediante o infanticidio, aborto selectivo ou o abandono das nenas e a desaparición ou asasinato sistemático de mulleres novas e adultas. Continúan os “crimes de honra”: as mulleres son queimadas vivas, lapidadas, estranguladas ou asasinadas para salvar a “honra” da familia, violadas por vinganzas familiares ou atacadas con ácido por rexeitar pretendentes. En máis de 70 países penalízase, perséguese, acósase e agrédese ás mulleres que non aceptan a heterosexualidade como norma.

 Na UE 9 millóns de mulleres teñen sido vítimas dunha violación, un 33% teñen sufrido violencia física ou sexual, pero só unha de cada tres denuncia as agresións. Segundo un informe da Axencia de Dereitos Fundamentais da UE (FRA). Unha de cada cinco españolas maiores de 15 anos (22%) padeceu violencia física ou sexual e menos dunha quinta parte denunciou á policía a agresión. Unha de cada dez mulleres españolas ten padecido unha situación de ciberacoso en Internet, e o 29% das que aseguran estar traballando sostén que ten sufrido acoso nun contexto laboral.

 Case a metade das mulleres que morren por feminicidio no mundo son asasinadas polos seus maridos ou exparellas, unha porcentaxe que se eleva ao 70% nalgúns países. No que levamos deste 2014 lévanse producido no Estado español 42 asasinatos por violencia patriarcal e 124.893 denuncias durante o pasado 2013.

 Chamamos á unidade e a organizarse contra estes actos bárbaros e abxectos. Organicémonos co resto da clase obreira contra a violencia patriarcal e a violencia capitalista. Loitemos contra a violencia que este sistema exerce contra nós nas súas múltiples formas e construamos, como clase obreira que somos, unha nova sociedade que elimine toda forma de opresión e explotación, a sociedade de seres libres e plenos, a sociedade socialista-comunista.

NINGUNHA AGRESIÓN SEN RESPOSTA
CAPITALISMO E PATRIARCADO CULPÁBEIS DE FEMINICIDIO
POR UNHA SOCIEDADE SEN EXPLOTACIÓN NIN OPRESIÓN
POLO SOCIALISMO! POLO COMUNISMO!

Ningún comentario:

Publicar un comentario