xoves, 4 de decembro de 2014

Ante o asasinato fascista do pasado domingo (30/11/14) en Madrid

Desde os Colectivos da Mocidade Comunista (CMC) e Comunistas da Galiza-PCPE queremos facer chegar as nosas máis profundas condolencias á familia, amigos, compañeiros e compañeiras de “Jimmy” nestes momentos tan difíciles.


O pasado domingo 30 de Novembro, sucedeu o que non pode ser denominado doutro xeito que un ASASINATO por parte dun grupo fascista, como é o “Frente Atlético”.

Todo aconteceu na mañá do Domingo, previo ao partido que enfrontaba ao Atlético de Madrid e o Deportivo da Coruña. É importante entender o carácter político que enfronta a distintos sectores de cada un dos dous equipos: mentres os seareiros coruñeses se declaran abertamente antifascistas, os ultras madrileños levan anos facendo apoloxía do fascismo.

Cerca das 9 da mañá o bus dos seareiros do Deportivo chega ás inmediacións do estadio e os afeccionados comezan a baixar cara aos bares da zona. Ao pouco, son sorprendidos por uns 200 ultras que se dirixen cara eles con armas de todo tipo. Ante a sorpresa do ataque fascista, os seareiros galegos intentan defenderse como poden, sabendo que teñen todas as de perder (pois son menor en número e non estaban previdos ante esa situación).

É importante analizar neste punto que iso non foi una “macroquedada” das dúas inchadas, tal como se encargaron de proclamar aos catro ventos os medios de comunicación burgueses (cuxa liña editorial foi escrita desde un primeiro momento pola policía nacional), alegando que había probas tiradas das redes sociais, que ao final a realidade demostrou que só se reducían ao chamado por parte do grupo criminal fascista convocando aos seus adeptos a encontrarse no “lugar de sempre”, mais sen sinalar para que.

Loxicamente, os propios Riazor Blues desmentiron a tal “quedada”, e, alén de capturas de pantalla de conversas de WhatsApp dos agredidos no mesmo momento no que se producían os fatídicos incidentes e que demostran a sorpresa do ataque, é bastante lóxico de entender que non souberan nada do que se lles viña enriba, pois se tivesen sabido algo, cando menos terían elixido un terreo que coñecesen (e non se terían producido nun lugar tan público como o aparcamento do estadio) e irían minimamente preparados para estar en igualdade de condicións que os agresores.

Estando en menor número e sen nada máis que as propias mans para defenderse, foron varios seareiros coruñeses os que recibiron numerosos golpes e feridas por arma branca. A peor parte levouna “Jimmy”, un seareiro do Deportivo, que tras recibir unha malleira entre varios elementos fascistas, ficou inconsciente e finalmente foi arroxado ao río Manzanares. Como material probatorio, existen vídeos que dan testemuña disto.

Neste punto é importante ver que non houbo ningún tipo de presenza policial (nin antes nin durante o enfrontamento), feito que para algúns indica que foron estes os que difundiron o lugar e hora de chegada do bus e que permitiu o ataque premeditado da inchada neonazi. De feito, a empresa de autocares que trasladou aos seareiros coruñeses confirmou, xa publicamente, que a policía os chamou para coñecer os horarios de saída e chegada e o número de autobuses fretados. Así que a policía coñecía perfectamente toda a información. O por que non interviñeron a tempo... eles o saberán, máis parece obvio o motivo. Iso si, chegaron a tempo para deter a unha maioría de seareiros deportivistas e enviar os buses de volta para Galiza, e por outra banda custodiaron aos agresores (dos que apenas houbo detidos) ata o estadio, onde, como se non tivese pasado nada, puideron ocupar as bancadas e puideron despregar a súa “parafernalia”.

O presidente da LFP (ex-militante de Fuerza Nueva) quitoulle importancia a todo o asunto, xa que os afectados eran (segundo o seu entender) vándalos extremistas que non merecen ningún tipo de solidariedade e defendendo que o partido se levara a cabo, o que finalmente o club Deportivo (e tamén o Atlético de Madrid) aceptou, cuestión que manifesta un grave insulto cara os seus afeccionados.

Alén da actitude da LFP, foi vergoñenta a actitude das directivas tanto do Deportivo da Coruña como do Atlético de Madrid polo trato e pouco “tacto” que tiveron ante os feitos. Principalmente non cancelando o partido de fútbol, mais tamén tentando botar balóns fóra desentendéndose do acontecido e pensando só no seu propio negocio.

Vendo os medios de comunicación burgueses, só puidemos ler que o acontecido onte foi simplemente unha liorta entre “violentos”, entre grupos extremistas, enfrontamentos entre fanáticos dos seus equipos. Isto non busca máis que esconder o problema de fondo, facéndolle o xogo ao bando capitalista, ao bando do que hoxe ostenta o poder do estado.

O do domingo non foi unha simple liorta entre afeccionados ao fútbol; o do domingo foi claramente un ataque e asasinato fascista dun grupo neonazi, que non é a primeira vez que realiza este tipo de ataques: o vindeiro 8 de decembro cúmprense 16 anos do asasinato de Aitor Zabaleta (seareiro da Real Sociedad) a mans deste mesmo grupo fascista “Frente Atlético”.

O Delegado de Democracia Nacional en Galiza, Felipe Mejide, publicaba estes días en twitter: “Gracias y mil gracias al F/A, por saldar mis cuentas pendientes. Que buen lugar es el Manzanares para nadar”. Sabemos que este individuo, despois de tal declaración, non terá á policía na porta da súa casa para detelo, como fai xa por costume con numerosas persoas por opinións menos relevantes.

Desde os Colectivos da Mocidade Comunista (CMC) e Comunistas da Galiza-PCPE queremos denunciar que desde os principais medios do capital se teña encuberto, como se dunha pelexa entre ultras de fútbol se tratase, o que é claramente un ataque fascista dun grupo criminal organizado que, a pesar de que non é a primeira vez que realiza episodios deste tipo, seguíuselle permitindo campar ás súas anchas nas bancadas dos estadios.
É neste punto onde cómpre denunciar tamén ao Atlético de Madrid por non ter posto fin á relación que ten con este grupo criminal, pois eran coñecedores da ideoloxía que profesaban e non só os mantiveron aí, senón que os “mimaron” concedéndolles toda unha serie de privilexios.

Ante as últimas noticias de que o Atlético de Madrid non permitirá que o “Frente Atlético” continúe nas bancadas do Vicente Calderón, consideramos que non é suficiente. Xa aconteceu hai algunhas semanas algo parecido cos UltaSSur do Real Madrid, mais eses criminais neonazis continuaron accedendo aos campos de fútbol. Certo é que non organizados baixo esas siglas, mais si como socios doutras “peñas”, ou a “título persoal”; mesmo moitos se pasaron ás fileiras do “Frente Atlético”... e algo argallarán agora para burlar a nova situación.

Hai que expulsar a todos e cada un dos socios do “Frente Atlético” (e doutros grupos de carácter nazi-fascista), para evitar que poidan ser xermolo do fascismo nas bancadas no futuro. Non abonda con simplemente retirarlles os locais cedidos nos propios estadios para gardar toda a súa parafernalia, non abonda con que as directivas deixen de facilitarlles entradas gratuitamente para que despois podan vendela libremente, non abonda con que deixen de financiarlles viaxes... É preciso garantir que ningún desa chusma fascista poda volver entrar nunca nun campo de fútbol.

Quen engrosara as fileiras do “Frente Atlético” sabía perfectamente onde se metía, e non nos vale por tanto a idea de que os “malos” son só unha minoría e que tamén hai “bos rapaces” nese grupo criminal fascista.

O Atlético de Madrid ten que dar moitas explicacións sobre por que foi preciso que houbese outro asasinato máis antes de tomar a decisión de “separarse” oficialmente dese grupo neonazi, se xa é coñecido en todo o mundo, desde a súa fundación, a súa adscrición ideolóxica e o seu proceder criminal-fascista.

Non podemos pasar por alto o feito de que é realmente noxento e inconcibíbel o escarnio público ao que se está a someter a memoria de “Jimmy”, que tristemente xa non pode defenderse de todas as acusacións contra a súa persoa, e que os mesmos medios que poñen tanto empeño en lixar a súa imaxe, ao mesmo tempo non efectúan crítica algunha aos seus asasinos. Puidera parecer que dalgún xeito pretendan “xustificar” o seu asasinato. Esa é a verdadeira faciana e carácter dos medios de propaganda burgueses e dos “tertulianos” que traballan para eles na radio e na televisión. A nosa máis enérxica repulsa contra eles e o seu macabro proceder, terxiversando, manipulando e deformando a realidade ata o punto de pretender converter ás vítimas en verdugos. Non teñen respecto por nada. Que se paren por un segundo a pensar como se debe estar sentindo a familia de “Jimmy”, que por se non tivesen abondo con que llo arrebataran desa maneira eses energúmenos, aínda por riba teñen que afondar máis na súa tristeza e desesperación escoitando verdadeiras barbaridades de desprezo e desprestixio do seu ser querido.

Denunciamos a complicidade das institucións do Estado, dende o Secretario de Estado para o Deporte, até aos corpos e forzas de seguridade do Estado, pola súa actuación ante os feitos. En conivencia cos grandes medios de comunicación, quítalles importancia aos feitos, redúceno a un enfrontamento entre ultras, entre “violentos” (como se a violencia non partise só de parte dun dos grupos), ou mesmo responsabilizan aos deportivistas por ir ver á súa equipa. O Estado pretende dar unha imaxe de equidistancia, de mediador entre eses “dous extremos que se tocan”, máis nos seus feitos demostra cada día o seu apoio ao fascismo máis agresivo.

Non agardamos que se faga xustiza algunha por parte do Estado burgués. Facemos un chamamento a que todos os afeccionados ao fútbol (independentemente de que podan arrastrar do pasado algunha vella “rencilla” por diferenzas deportivas, que hoxe cómpre deixar a un lado) a que ergan unha forte alianza para expulsar aos fascistas das súas bancadas, así como ás directivas que activa ou pasivamente os apoian. Chamamos a organizar a loita contra o fascismo e o capitalismo que o xera desde os propios centros de traballo, de estudo, desde os nosos lugares de residencia e en todo ámbito das nosas vidas.

CONTRA AS AGRESIÓNS DO FASCISMO, RESPOSTA OBREIRA E POPULAR!

JIMMY, “ABUELO”, SEMPRE PRESENTE!

Ningún comentario:

Publicar un comentario