luns, 28 de xullo de 2014

Os traballadores galegos quédanse só co 43% do que produce a economía galega

Ata a prensa burguesa galega, neste caso o Faro de Vigo, non pode evitar facerse eco do flagrante aumento da explotación da clase obreira neste contexto de crise estrutural do capitalismo. 

Tal e como recolle o Faro de Vigo, en 2013 a parte do PIB galego (56 mil millóns de euros) destinada ós salarios dos traballadores foi dun 43,1% (24.079 millóns), reducíndose en 400 millóns con respecto ó 2012. Sen embargo, tanto o PIB como -evidentemente- os beneficios empresariais creceron.
A participación dos salarios no PIB galego  non deixa de reducirse dende o 2007, coincidindo co inicio da crise capitalista. Así, pasamos dun 47% nese ano ó actual 43,1%. Pola outra banda as empresas tiveron un volume de beneficios en 2013 de 26.409 millóns de euros, 360 millóns de euros máis que en 2012 e 1.500 millóns máis que en 2011.
Isto non é senón un fiel reflexo do que os e as comunistas estamos a falar día a día: o capital necesita explotar cada vez máis á clase obreira para remontar os seus beneficios. 
Tampouco é que antes da crise os datos foran moito máis positivos. Xa no ano 2000 o 60% do PIB ía destinado ós beneficios empresariais. É dicir, cun 40% do PIB ten que vivir máis de 2 millóns e medio de traballador@s e as súas familias;  o resto vai engordar a riqueza dunha reducida minoría da poboación, do orden de decenas de miles. Ademáis, a meirande parte desa riqueza é absorbida por un grupo moitísimo máis reducido, os donos das máis grandes empresas.
Isto, xunto coa caída da poboación asalariada -pola destrución de emprego-, explica, tal e como se comenta na mesma nova, que en Galiza hai xa máis familias vivindo de pensións que de salarios. Concretamente, un 47% delas, fronte a un 43,7% que se sosteñen principalmente con salarios, e un 9,4 que se manteñen a medias entre pensións e salarios.

Tódos os datos estan a dicilo todo sobre o capitalismo, e se resume nunha palabra: plusvalía. O capitalismo baséase no robo diario o traballador. Este produce o equivalente ó seu salario nunha pequena parte da xornada, mentres que o resto do tempo produce riqueza que vai parar directamente ó peto do patrón. Calcúlase que hoxe en día dunha xornada de 8 horas o traballador está traballando "gratis" 6,5 horas. Esta é a base do sistema no que vivimos, e que explicou e analizou Marx hai xa 150 anos.
Ademáis, en tempos de crise o capitalista, para manter a súa taxa de ganancia, necesita explotar máis á clase obreira. Para iso, o principal mecanismo e facernos traballar máis, ou por menos, ou todo á vez, como vemos a diario.
Estes datos tamén destapan as mentiras que lanzan día a día os voceiros do capital, os grandes medios de comunicación, no sentido de que "todos estamos a sofrer os embates da crise" e que temos que "arrimar el hombro". Aquí vese quen está a pagar a crise e non é precisamente nin Amancio Ortega, nin os donos de Pescanova ou os directivos de Abanca.

Sabendo todo isto, que podemos facer nós a mocidade obreira e estudantil galega? Organizarse e loitar, romper cun sistema inxusto, baseado na explotación diaria. Quen todo o produce todo o debe decidir. Imaxinade qué poderiamos facer con ese 60% da riqueza roubada ós e ás traballadoras. Poderíamos acadar un futuro digno en troques da miseria e o deslomarse por catro patacóns a que nos queren condenar. Non, non é ningunha utopía; xa o lograron noutros países, noutros momentos históricos, e agora tócanos a nós a tarefa revolucionaria.

Nova orixinal: http://www.farodevigo.es/economia/2014/07/27/trabajadores-quedan-43-cien-euros/1064975.html


Ningún comentario:

Publicar un comentario