martes, 1 de xullo de 2014

Folga de fame de dous obreiros da Citröen en protesta polos recentes despidos


A través dun camarada que traballa na fábrica viguesa de Citröen chéganos a noticia de que, dende o día 1 de Xullo, dous dos traballadores están en folga de fame indefinida até que se readmita aos dous compañeiros despedidos o pasado martes 24 dunha maneira totalmente arbitraria e inxustificada. 

A empresa, nos últimos tempos, leva realizando unha serie de medidas en contra dos traballadores. Dende o proceso de subcontratación de cada vez máis actividades, os EREs e paros patronais ou o continuo goteo de despidos, todo vai encamiñado a que cada vez menos traballadores fagan cada vez maís traballo polo mesmo, ou mesmo menor salario.

A dirección do centro de traballo ven de cometer outro novo atropelo contra os intereses da clase obreira máis consecuente. Esta clase obreira que non se deixa intimidar ante as incesantes arremetidas levadas a cabo polo patrón, nun novo intento de sometemento a toda aquela xente que vestimos a funda cada día con orgullo de pertencer á clase obreira. Somos nós os que movemos os engranaxes da fábrica. É por iso que pedimos solidariedade con estes compañeiros despedidos e cos que decidiron secundar esta folga de fame indefinida.

Paco e David readmisión!!

Ningún comentario:

Publicar un comentario