xoves, 31 de xullo de 2014

A xestión capitalista do transporte público en Ferrolterra


Estas semanas saía á luz o plan de reestruturación da rede de autobuses metropolitana na nosa comarca. A modificación do contrato coa empresa xestora (Tranvías del Ferrol S.A.) suporá de entrada a redución de servizos en cinco liñas, afectando aos concellos de Ferrol, Narón e Neda. As reducións propostas alcanzan nalgúns casos o 50% do servizo.
Estas medidas, de chegar a efectuarse, suporán unha diminución da capacidade de desprazamento dos traballadores e traballadoras, veciños e veciñas dunha poboación xa de por si castigada pola crise capitalista. Os recortes afectarán a rutas tan importantes como a liña 1B, que conecta o centro naronés co Hospital Arquitecto Marcide ou a oficina de Correos; a liña 7, que conecta tamén Narón co centro ferrolán, pasará de circular de cada hora a facelo de cada dúas; o barrio obreiro de Caranza perderá a liña 3 que o conecta coa Residencia ou Correos, que será anulada, e a liña 9, que pasará a saír dende San Xoán; por último, Neda, unha vila xa de por si mal conectada, verá reducida a frecuencia do único bus que a conecta coa contorna metropolitana.
Estes recortes, como tantos outros orixinados polo afán de beneficio dunha minoría de empresarios e banqueiros, son unha mostra máis da dura realidade á que nos queren someter para manterse no poder. Por iso se permiten xogar coas nosas condicións de vida, e pouco lles importa se tardamos unha hora máis en chegar ao médico, ou a unha entrevista de traballo, ou a un curso de formación… Por iso é necesario mobilizarnos polos nosos dereitos, porque se nós non o facemos, non podemos confiar en que o fagan alcaldes corruptos ou os caciques locais, que só miran polo seu.
Aí temos o exemplo recente dos veciños e veciñas do Puntal, en Neda, que tras varias semanas de mobilizacións, exercendo presión sobre as institucións e con presenza nas rúas mediante cortes de estradas, conseguiron que a liña de bus chegase até onde se precisaba o seu servizo.
Comunistas da Galiza – PCPE e os Colectivos da Mocidade Comunista, esiximos unha rede de transportes pública e de calidade, acorde ás necesidades da clase obreira e os sectores populares, e chamamos á mobilización sostida contra estas e calquera medidas que a clase dominante pretenda impoñernos en contra dos nosos intereses vitais.

Ningún comentario:

Publicar un comentario