luns, 30 de xuño de 2014

Ante a loita do lixo en Lugo e Compostela

A folga do lixo en Lugo alcanza xa os 20 días de duración, ante a crispación de pulcros burgueses e o orgullo da clase traballadora. Xa van tres negociacións convocadas dende estes 20 días, e nesta última os traballadores e traballadoras de Urbaser reclamaron a readmisión de 11 membros do comité de folga despedidos e a eliminación das sancións aos 66 empregados e outros 12 afiliados sindicais. Sen embargo, esas condicións non foron cumpridas polo que o comité de empresa e os sindicatos que os asesoran (UGT, CIG e USO) decidiron non acudir á negociación. A folga reclama os dereitos dos traballadores, que levan coa conxelación salarial dende o 2011.

O concello, gobernado polo PSOE, reclamou uns servizos mínimos do 100%, os cales non foron cumpridos e utilizouse como pretexto para os despedimentos realizados pola empresa. A contratación de Tragsa como alternativa para manter a recollida dos residuos custou xa nos primeiros días, durante a duración do Arde Lucus, os 50000 euros que o concello tiña como reserva orzamentaria. Sendo ademais unha clara vulneración do dereito a folga.

Na cidade de Compostela, en consecuencia á negociación do convenio colectivo e, sobre todo, en solidariedade cos seus compañeiros lucenses, os traballadores e traballadoras de Urbaser sopesan levar a cabo una folga indefinida. Esta iniciativa foi acordada nunha xunta extraordinaria do comité de empresa e decidirase finalmente nunha asemblea colectiva nos próximos días.

Os traballadores e traballadoras son moi conscientes da realidade actual da súa situación, na que a empresa o único que pretende é recortar dereitos para aumentar os seus beneficios a conta do persoal e a conta da cidadanía de Lugo e Compostela. Pola súa parte, o aínda alcalde Ángel Currás busca o «entendimiento» entre a empresa e traballadores/as, “aterrado” con que esta folga coincida co día do Apóstolo, cando o número de visitantes chega ao seu nivel más alto.

Dende os Colectivos da Mocidade Comunista queremos destacar o seu exemplo de solidariedade de clase, que aínda a sabendas das inxustas sancións que está tomando a empresa, afirman estar preparados para afrontar os despedimentos que se puideran producir en represalia polas súas demandas.

Ante este panorama, non poucas son as voces inxenuas que ante o desolador panorama de ver a súa cidade cuberta de lixo, lévanse as mans á testa e vilmente sinalan aos traballadores e traballadoras da limpeza como culpábeis. “Se teñen traballo, de qué se queixan?”, poderá dicir alguén. Mais nós sabemos que reclamar un traballo digno non pode ser delito, e menos aínda cando a empresa que se enriquece ás nosas costas, grazas ao noso traballo, segue incrementando os seus beneficios a base de conxelacións salariais, ou se cadra recortes de persoal, ou calquera outro dereito conquistado que teñan a ben vulnerar. Esa é a clave da “recuperación” económica actual, contra a que temos o deber de loitar todos os traballadores e traballadoras.
Por todo iso, dende os Colectivos da Mocidade Comunista saúdamos con orgullo a loita dos traballadores e traballadoras da limpeza, que ten que converterse nunha loita xeral da nosa clase polos nosos dereitos, contra a explotación á que nos somete a patronal e os seus gobernos, e pola nosa liberdade e emancipación.

Viva a loita da clase traballadora! Se nós producimos, nós decidimos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario