venres, 2 de maio de 2014

[Ferrol] Ondadas de pegatinas fascistas azoutan a nosa cidade

Ferrol vive o azote propagandístico do fascismo. Trala semana santa, a nosa cidade vese inundada de pegatinas da Falanxe.

Non é de estrañar que en épocas de crise económica, as revoltas e a inestabilidade social, provoquen na burguesía un certo temor. Temen pola perda dos seus privilexios e dereitos de explotación, temen polos seus bens, e ven no fascismo a ferramenta que lles permite frear tal medo. Temen, e como temen, disfrázanse. Disfrázanse en discursos populistas e enganan aos elementos pequeno-burgueses e proletarios cunha morea de discursos demagóxicos, racistas, machistas e burgueses.
Discursos ‘’populares’’, populares como o Partido Popular, xa que esperan ata que poidan tomar o poder estatal para reprimir á maioría da poboación, aos proletarios e ás mulleres, ao campesiñado e aos estranxeiros. Utilizan a relixión para xustificar o machismo, e fan ver aos proletarios que os inmigrantes son algo así como sacos de pulgas, fontes de enfermidades, razas inferiores… pero é en realidade un odio extremo á clase traballadora, enfocado no seu sector máis vulnerábel, e intentando dividila sinalando “cabezas de turco”.

O fascismo é unha ferramenta burguesa: É preciso aclarar qué é o fascismo, que non é un movemento perverso que somerxe soamente polo sentimento extremista nacionalista e o afán relixioso. É a ferramenta que a burguesía utiliza para a opresión do proletariado e as capas populares cando se lle esgotan as vías democráticas formais para impoñer os seus intereses. Fronte o descrédito das súas institucións e o avance da loita obreira e popular, que medra en organización e conciencia, a ditadura da burguesía require de novos métodos para gobernar. Así vemos por exemplo, como os medios de des-información burgueses temen o pantasma comunista e apoian os golpes de estado fascistas da Ucraína, para asegurar os intereses da oligarquía europea e norteamericana na rexión.

E porén, non é de estrañar que a propaganda fascista-franquista azoute a nosa cidade nunhas datas tan sinaladas coma a semana santa, no que os relixiosos exacerban o seu amor a Cristo e os fascistas aproveitan (como boas ratas oportunistas) para lanzar o seu discurso nacionalista e relixioso mediante propaganda.
E porén, non é de estrañar que, nunha cidade proletaria, a cidade máis proletarizada en proporción da Galiza e a cidade que máis sufre a crise económica burguesa, o fascismo tente enganarnos.

Pero non nos van a enganar. Ante este feito, aparentemente illado, poñemos sobre aviso á clase obreira ferrolá, ao estudantado, compañeiros e compañeiras, veciños e veciñas… A aparición de pegatinas é un primeiro paso que pode ir seguido de agresións a activistas sociais, inmigrantes, locais de organizacións políticas, sociais, sindicais… Pois o fascismo avanza se non se lle combate de raíz.


Por iso é preciso organizarnos, nos nosos centros de traballo, de estudo, nos barrios… para berrar conxuntamente ben forte:

Non pasarán!

Ningún comentario:

Publicar un comentario