mércores, 9 de abril de 2014

[COMPOSTELA] Seis estudantes detid@s nunha operación policial.

 Dende Comunistas da Galiza-PCPE e os Colectivos da Mocidade Comunista (CMC) facemos nosa a loita contra a represión vivida onte na cidade de Compostela, onde seis compañeiros estudantes foron secuestrados pola policía nacional nos seus propios fogares.

Entendemos que esta é unha manobra orquestrada dende o estado oligárquico, e que responde os intereses da burguesía galega e española, que cada día ve máis ameazados os seus privilexios e a súa posición de dominación de clase.

Este feito non é casual, non se trata dunha acción illada ou sen contido político, se non xustamente ao contrario. Lévase tempo tentando criminalizar á parte máis consciente da clase traballadora e o pobo galego, primeiro coa invención da presunta banda terrorista “Resistencia Galega” e logo tentando que certos sectores mobilizados sexan incluídos como círculos próximos desta “banda armada”. Con isto pretenden conseguir que de cara ao pobo menos consciente da situación que esta a vivir a clase obreira, sexa xustificábel calquera tipo de acción contra estes militantes (tal cal pasou e pasa en Euskal Herria). A estratexia por parte do aparello do estado é previsíbel, non nos colle xa por sorpresa na Galiza.

Aos mozos e mozas detidas onte acusábaselles de feitos relacionados coa pasada manifestación dos mariñeiros (feita hai un mes!) onde se produciron distintos altercados. Sen proba algunha dos feitos dos que se lles acusa, estas mozas e mozos foron detidos e postos a disposición xudicial, pasando a noite no calabozo da comisaría de Compostela.

O pobo ante esta situación deu unha resposta exemplar, sen fraquezas, estudantes, obreiros e demais sectores populares acudiron masivamente ás concentracións que se convocaron en réxime de autoconvocatoria entre onte e hoxe.

Dende as 12:30 de hoxe un nutrido grupo de persoas concentrábase fronte aos xulgados, en solidariedade cos estudantes detidos. Por outra banda, tamén había un forte dispositivo policial da UIP, que en todo momento mantivo unha actitude chulesca e agresiva e que botou aos solidarios a empurróns cando estes tentaron colocarse diante da porta principal, saldándose con aproximadamente seis identificacións das cales a totalidade será suxeito de sanción administrativa (multas superiores os 300€), simplemente polo feito de pedir a liberdade. Este é a faciana máis noxenta do capitalismo, á que sen dubida nós respostaremos en consecuencia.

Todos os detidos están ben, e saíron cos ánimos renovados ao ver ás case 50 persoas que alí estaban agardando por eles.

Por todo o anterior dito, Comunistas da Galiza-PCPE e os Colectivos da Mocidade Comunista (CMC), solidarizámonos e apoiamos sen ningún tipo de fisuras ou trabas, todas as marchas antirepresivas que xa están convocadas, e facemos un chamamento ao conxunto da poboación a participar delas. Que estas accións non lle saian de balde ao aparello de represión do estado, que por cada detención se consiga organizar 10 veces máis compañeiros e que sirva de fragua para a unidade e a construción da ferramenta política do proletariado galego, que acabe dunha vez por todas con este sistema decrépito.

FORXANDO A UNIDADE, COMBATENDO A REPRESIÓN!
CONTRA A SÚA REPRESIÓN, A NOSA ORGANIZACIÓN!

Ningún comentario:

Publicar un comentario