sábado, 21 de setembro de 2013

Siria, novo obxectivo do imperialismo

Siria é hoxe o punto de mira para unha nova intervención imperialista, despois de meses intoxicando coa existencia de armas nucleares, despois de adestrar e armar a mercenarios, os gobernos que defenden a intervención militar, encabezados por EEUU, utilizan agora a escusa das armas de destrución masiva, igual que fixeron en Iraq, para xustificar unha intervención que viñan buscando desde hai tempo.

Hai unhas semanas saltaba ás portadas de tódolos medios a noticia dun ataque con axentes químicos en Siria. Os medios e os gobernos das principais potencias dentro da UE e o dos EEUU non tardaron en atribuír este ataque ó goberno “ditatorial” sirio.

Non é crible que o goberno sirio permita unha inspección da ONU sobre a existencia de armas nucleares e aproveite para bombardear con armas químicas á beira de onde se atopaban os inspectores. É máis doado crer que os mercenarios ao servizo do imperialismo aproveitaron a ocasión para lanzar bombas químicas preto de onde estaban os inspectores da ONU de modo que toda a maquinaria propagandística se poña en marcha para tentar xustificar a intervención.O pobo sirio leva meses sufrindo unha cruel guerra , os mortos cóntanse por miles, pero se a intervención imperialista se realiza abertamente será un masacre que destruirá todas as infraestruturas civís e provocará centos de miles de novas mortes.

Algúns apuntes sobre Siria


Esta manobra é un exemplo máis de cómo os medios de comunicación serven fielmente ós intereses do imperialismo como voceiros da propaganda de guerra. Mentres se nos conta que en Siria hai unha guerra civil entre o goberno presidido polo “cruel ditador” Bashar Al Assad e o “Exercito Libre Sirio”, que busca “acabar coa ditadura e traer a democracia” á imaxe dos réximes occidentais (se a iso pódeselle chamar democracia...), non nos contan como a mesma OTAN recoñece nos seus informes que o goberno sirio de Al Assad conta co 70% de apoio da poboación do país. Ou o contido da nova Constitución elaborada e refrendada pola maioría da sociedade siria. É salientable que no medio dunha guerra contra os terroristas mercenarios das forzas imperialistas inimigas (ás veces directamente contra grupos de elite de potencias extranxeiras como Francia ou Gran Bretaña infiltrados no país) o Goberno sirio impulsa a promulgación dunha Constitución que xa quixeramos nós pra o Estado Español.

Por exemplo, a nova Constitución establece a nacionalización de todos os sectores estratexicos do país, un porcentaxe dun 50% de diputados obreiros e campesiños no Parlamento sirio ou a defensa do caracter laico do Estado, ameazado polos mercenarios salafistas auspiciados polas petromonarquías do Golfo e os seus aliados occidentais.

E mentres en España...


O imperialismo non procura outro obxectivo que apropiarse do país, dos seus recursos e a súa posición estratéxica. Onte foi o afundimento do Maine, hoxe a falacia das armas químicas.O capitalismo na súa fase de crise agónica aliméntase das guerras imperialistas, gobernos como o de España recortan os orzamentos para sanidade, educación, investigación, pero o orzamento para armamento é sempre o máis crecente, mercan e venden tanques e fáltanos material básico en hospitais, mercan e venden alta tecnoloxía en guerra e non dedican orzamento para a investigación educativa, médica ou ambiental. Mentres o gasto militar anual por habitante en España é de 368 euros, o gasto farmacéutico por habitante é de 259 euros. Este goberno será cómplice da estratexia imperialista xeral e tamén apoiará esta nova guerra de agresión.


Os orzamentos xerais do Estado son clarificadores, amosan como o estado está ao servizo dos monopolios armamentísticos e sumiso ás estratexias e plans belicistas da OTAN. Un goberno que comparte e se implica nas políticas de espolio e saqueo que realiza o imperialismo en todo o planeta, que saquea as pesqueiras do Índico participando na operación Atalanta, que mantén a complicidade con Marrocos na persecución, asasinato e tortura do pobo saharauí, que ofrece a base de Rota para novos asentamentos de tropas ianquis, etc. Un goberno de saqueadores e criminais á medida dos intereses da oligarquía española.

Por todo o anterior, o PCPE e os CJC realizamos o seguinte chamamento á clase obreira e os sectores populares do noso país:

- A loitar activamente contra o desencadeamento dunha nova guerra imperialista en Siria, así como contra calquera tipo de implicación de España nesta agresión e contra a utilización do territorio do noso país como apoio loxístico a esta guerra.

- A que toda a clase obreira do noso país, e dos países agresores, se neguen a formar parte das forzas de agresión imperialistas, desertando e organizando a loita contra os seus inimigos de clase.

- A continuar impulsando un forte movemento anti-imperialista centrado na defensa da soberanía e a autodeterminación dos pobos, orientado na loita pola conquista do poder obreiro e popular como única posibilidade de real de pór fin ás guerras imperialistas.

- A denunciar o gasto militar, e a militarización crecente da nosa sociedade, nunha estratexia parasitaria e suicida das clases dominantes desesperadas ante a entrada no período histórico que marcará a fin da súa dominación.

Artigos de interese:




Todas as imaxes son obra de Robert García para LMO

Ningún comentario:

Publicar un comentario