mércores, 10 de xullo de 2013

Ourense: T-Solar non se fecha!!

Dende os Colectivos de Mozos Comunistas de Galiza queremos dar a coñecer e expresar o noso máximo apoio aos traballadores que nestes últimos sete días levan encerrados nas instalacións da fábrica de T-Solar en Ourense, reivindicando o mantemento dos seus postos de traballo.

Para entender que é o que está a pasar en Ourense é necesario saber que en xullo o grupo Isolux Corsan (ao que pertence a empresa T-Solar) dan comezo a un ERE de suspensión de actividade de catro meses na planta de Ourense. En febreiro deste ano, cumprido o prazo deste ERE, a empresa segue sen retomar actividade ningunha e dá aos seus 170 traballadores un "permiso retribuído", cesando así a produción definitivamente. En Marzo a empresa entra en concurso de acredores, tendo que enfrontarse a unha débeda de máis de 61 millóns de euros, sendo a Xunta de Galicia a súa principal acredora. A xustificación inicial deste ERE que dá o devandito grupo empresarial é que a situación económica pola que pasa a planta de Ourense se debe á caída consecutiva da demanda e á forte competencia China.


Os traballadores que por suposto non quedaron á marxe desta situación, mostrando a determinación que caracteriza á nosa clase, comezan a mobilizarse, organizando unha serie de manifestacións e concentracións (con amplísimo apoio popular) para reivindicar o seu lexítimo posto de traballo chegando, mesmo como diciamos ao principio, a encerrarse nas instalacións da planta de produción.

Entendemos esta situación como outro ataque máis á clase traballadora, intentando facer a esta responsable dos excesos dunha clase social (a capitalista) apoltronada e estática, mentres tanto a clase traballadora agoniza como pasa neste caso. Ademais, denunciamos o carácter de estafa deste estrataxema do capital, despois de que a administración pública investise máis de 16 millóns de euros neste proxecto, non podemos asumir que 170 postos laborais creados a partir de fondos públicos sexan destruídos. 

Queremos deixar claro que nós reivindicamos o proxecto de T-Solar como o proxecto de toda a clase traballadora en xeral, non estamos dispostos a asumir o roubo con letras maiúsculas do diñeiro de todos, moito menos imos deixar que se xogue coas vidas de 170 traballadores e por suposto reivindicamos o mantemento dos postos de traballo que se intentan destruír con toda a impunidade e o desprezo que a xustiza e as leis do mercado laboral español lles permite.

Sinalar unha vez máis, o incondicional apoio dos Colectivos de Mozos Comunistas de Galiza ao conxunto dos traballadores da planta de produción T-Solar en Ourense e facer un chamamento a todas as clases populares da cidade a secundar e defender os seus intereses e os da nosa clase, que tamén é a dos compañeiros de T-Solar.

¡T-SOLAR NON SE FECHA!

¡VIVA A UNIDADE DA CLASE OBREIRA!

¡VIVA A LOITA DA CLASE OBREIRA!

Ningún comentario:

Publicar un comentario