xoves, 26 de abril de 2012

OBREIROS E ESTUDANTES XUNTOS NO 1º DE MAIO


Chegamos a este primeiro de maio de 2012 con 5 millóns de parados e con un de cada 2 xóvenes no paro. A nova contrarreforma laboral aprobada polo goberno do PP supón a continuidade da anterior levada a cabo polo PSOE, e non é máis que unha nova confirmación de que a patronal manda e os distintos gobernos do capital obedecen.

Pero tamén chegamos a este 1º de Maio cunha clase obreira e unha xuventude que demostrou na pasada folga xeral do 29 de marzo que está disposta a comezar a loita contra as políticas antiobreiras e antipopulares da oligarquía. O pasado 29 de marzo a clase obreira demostrou que se quere é capaz de paralizar a produción e movilizarse, tal como se visualizou nas multitudinarias manifestacións que se desenrolaron durante a xornada de folga.

Neste sentido, dende os Colectivos da Mocidade Comunista, afirmamos rotundamente o éxito da folga xeral. E non soamente porque foi secundada de maneira maioritaria, senón porque marcou un punto de inflexión no rexeitamento das políticas da oligarquía contra a maioría traballadora. Tal e como xa afirmamos, a folga xeral non é un feito finalista senón o primeiro paso fundamental para comezar a loita. Esta xa comezou o pasado 29 de marzo, e agora tócanos continuala. A oligarquía impúxonos sen apenas oposición as súas medidas contra os traballadores durante moitos anos, e non podemos pensar que con só unha folga xeral vamos facerlles retroceder. Son necesarias moitas folgas xerais, moitas movilizacións e moita combatividade para facerlles entender a nosa forza e que, tal como dicían algunhas pancartas no día da folga xeral, sen os traballadores non se move un só engrenaxe da produción, sexa do sector que sexa. Por isto, a movilización sostida no tempo é o arma da clase traballadora contra as políticas da oligarquía.

Neste sentido, temos que esixir ás cúpulas dos sindicatos maioritarios que leven a cabo un calendario de movilizacións que culmine noutra folga xeral e a que non volvan á mesa de negociación a modificar unha coma ou un punto á contrarreforma laboral da oligarquía. Só podemos esixir a súa retirada inmediata. 126 anos despois do asasinato dos mártires de Chicago por reclamar a xornada laboral de 8 horas, confirmamos que a loita é o único camiño, que os dereitos conquistados polo sangue dos obreiros de Chicago e de outros moitos no mundo pérdense se non proseguimos ca loita ata acabar co sistema de explotación capitalista. É necesario desterrar dende xa para sempre a política do pacto social que tanto dano nos causou á clase traballadora e que nos trouxo a actual situación de deterioro das nosas condicións de vida. Só mediante a movilización sostida de todo o pobo traballador conseguiremos tombar a contrarreforma laboral e as políticas de recortes que laminan os servizos públicos como a sanidade, a educación, as prestacións socias, etc. A loita é de todo o pobo contra os monopolios que gobernan actualmente o país. Por isto, dende os CJC propoñemos xunto co PCPE os seguintes puntos que establezan unha plataforma de loita contra o capital:

-Derrogación inmediata da reforma laboral
-Defensa da negociación colectiva
-Subsidio de empleo indefinido para familias no paro
-Contra os recortes económicos e de persoal
-Contra toda privatización

Nesta loita, tal como quedou demostrado no pasado 29 de marzo, a xuventude xogou e xogará un papel clave. Moitos foron os xóvenes que participaron nos piquetes obreiros e nas movilizacións do 29 de marzo. Tamén a xuventude estudante xogou o papel que lle correspondeu na xornada de folga xeral, onde puidemos observar un baleiro absoluto na maior parte de institutos e campus universitarios do Estado, confirmado así a participación da xuventude estudante na folga xeral.

Só mediante a loita demostraremos que lonxe de ser unha xeración perdida seremos a xeración da loita contra o capital e polo único sistema histórico que o pode substituír: o socialismo-comunismo.

Pola continuidade da loita tras o 29 de marzo!
Contra o pacto social!
Por outra folga xeral!
Guerra á patronal e os seus gobernos!

Ningún comentario:

Publicar un comentario