domingo, 21 de outubro de 2012

Manifesto de solidariedade cos procesados do #8F


CONTA SOLIDARIA:
0072 0121 31 0000207496 ---- Banco Pastor
A nosa lingua nacional encóntrase nun estado límite. A gravedade da sua situación chega a tal punto que, segundo confirman os estudos sociolingüísticos máis solventes, a transmisión interxeracional xa non está garantida e en cuestión de décadas, de non mediar profundas mudanzas en políticas e atitudes por parte da sociedade galega e as institucións, podémonos enfrontar ao suceso final do proceso de extermínio lingüístico iniciado en 1492. Esta é a crua realidade para quen amamos este país e o seu idioma como máxima expresión de nós.
En 2009, as medidas favorábeis ao Galego que adoptaba a administración bipartida tiveron umha contestación feroz e extremista dos sectores políticos e mediáticos partidarios do seu extermínio definitivo ou da sua conversión nunha xíria reducida á comunicación doméstica e informal: facer do Galego un idioma constranxido a determinadas esferas da comunicación, mais indigno do ensino, das administracións, dos medios públicos, etc., foi, e é, o cartón de visita dos que onte ordenaban aos nosos avós e avoas a ponta de fusil Sea patriota. No sea bárbaro. Hable usted nuestro idioma cervantino e agora se envolven no argumento hipócrita da Libertad de idioma ou da Libertad para elegir. Distintas estratexias para o mesmo fin.
Aquel 8 de Febreiro de 2009, cando grupos tan significativos como Falange Española de la JONSUnión Progreso y Democracia e os dirixentes máis radicalizados do Partido Popular saíron ás rúas de Compostela para bloquear o avanzo do Galego coa convocatoria de Galicia Bilingüe, decidimos, como fixeron centenas de galegas e galegos, saír tamén á rúa para denunciar aquela farsa ridícula que pretendía converter as vítimas en verdugos e aos históricos valedores da imposición do español en “mártires” dunha língua sen dereitos.
Con esta resposta colectiva puxemos enriba da mesa a dignidade nacional das galegas e os galegos e denunciamos que é a língua da Galiza a vítima da imposición, da minorización social e do perigo real de extinción. Fumos, por este motivo, identificad@s por falar en Galego, golpead@s brutalmente, detid@s e criminalizad@s, encanto a minoría extremista deste país que é partidaria de aniquilar a súa língua se manifestaba con protección policial e a compañía de centenas de persoas traídas en autocarros vindos de fóra da Galiza.
Agora, mais unha vez, a inversión extravagante acontece na realidade: os procesados e procesadas somos os agredidos. Acúsasenos dum amplísimo abano de delitos que van da “resistencia á autoridade” que golpeaba cidadáns e cidadás caídos no chan até “desordes públicas”, por fuxir de quen se asañaban con persoas indefensas.
A guinda do pastel é unha petición fiscal de 45 anos de prisión por levantar a voz contra os inimigos do Galego, que pode supor o ingreso en prisión de muit@s de nós, e a imposición de sancións económicas imposíbeis de afrontar que superan os 30.000 euros.
Os doce homes e mulleres que nos sentaremos na bancada dos acusados a partir de 23 de Outubro en Compostela demandamos da cidadanía galega, das vosas organizacións políticas, sindicais e sociais e de todos aqueles e aquelas que, día após dia, defendedes a lingua desta vella nación, un exercicio de solidariedade activa cos e as procesadas, denunciando o xuízo político de que seremos obxecto, posicionándovos publicamente e mobilizándovos en reivindicación da nosa liberdade o día do início da vista. A vosa solidariedade é, agora, imprescindíbel.
Colectivo de procesad@ @8F_45 anos
Defender o Galego non é delito!

Ningún comentario:

Publicar un comentario