luns, 30 de xaneiro de 2012

A PRACIDA MORTE DUN CANALLA

O domingo 15 de febreiro morreu pracidamente na súa casa Manuel Fraga Iribarne, presidente-fundador do Partido Popular, ministro durante a ditadura militar franquista e piar fundamental da estratexia de dominación da oligarquía sobre a clase obreira e os pobos de España ata a súa morte.

Por parte do estado burgués e todos os medios de comunicación ao seu servizo, a figura de Manuel Fraga foi vendida como a dun "demócrata”. A súa participación na redacción da Constitución do 78 é o feito no que fundamentan esta afirmación. Para os e as comunistas que sempre dixemos NON á Constitución do 78 por burguesa e monárquica, este feito non hai máis que certificarnos a continuidade entre ambolos dous réximes burgueses.

E é que Fraga foi unha das persoas que fixeron posible a transición do réxime franquista militar ao réxime parlamentario, da ditadura terrorista da burguesía á ditadura parlamentaria da burguesía.
A figura de Fraga evidencia a continuidade de poderes entre unha forma de goberno burgués e outra, demostra a farsa da transición e sinala á clase obreira e os sectores populares que a loita debe ir máis alá de alcanzar unha cota de participación no parlamento burgués, pois sempre debe marcarse o obxectivo de destruír o poder burgués e proclamar o poder da clase obreira.

Precisamente o actual goberno de España é exercido polo partido que fundou Manuel Fraga, o Partido Popular, que está a aplicar con dureza unha ampla batería de medidas que destrúen gran parte dos dereitos laborais e sociais alcanzados mediante a loita organizada da clase obreira, a xuventude e os sectores populares durante os anos de chumbo da Transición nos que Manuel Fraga foi Vicepresidente do Goberno e Ministro de Gobernación.

É necesario coñecer realmente a figura de Fraga para destripar a actual democracia burguesa, que coroa como "demócrata" e defensor da súa constitución a este canalla, precisamente porque profesa os seus mesmos principios.

Julián Grimau García: patriota e comunista ao servizo do pobo.

Manuel Fraga desempeña un papel fundamental na condena e posterior asasinato de Grimau, xa que como Ministro de Información declara no primeiro momento que as torturas e o posterior intento de asasinato tras a detención de Grimau (ao ser botado pola Brigada Político Social dende o segundo piso do edificio onde estaba custodiado) non se corresponden co exquisito trato que recibe en dependencias policiais, resultando que as graves lesións son produto de que o propio Grimau se empolicou a unha cadeira, abriu a ventá e se botou por ela de forma "inexplicable" e por vontade propia.O xoves 18 de abril de 1963, Julián Grimau é condenado a morte por un tribunal militar e dous días despois, o 20 de abril é asasinado por un pelotón de fusilamento. Dirixente do Partido Comunista de España no interior, Julián Grimau García foi o ultimo antifascista condenado a morte por delito de rebelión militar, 24 anos despois de finalizar a Guerra Nacional Revolucionaria.

Enrique Ruano, estudante antifranquista.

O 17 de xaneiro de 1969 é detido en Madrid o estudante de dereito Enrique Ruano por lanzar propaganda política na rúa e posteriormente é conducido a comisaría. Tres días despois é asasinado ao ser botado dende o sétimo piso dun edificio por torturadores da Brigada Político Social.
Manuel Fraga dende o seu posto de Ministro de Información crea unha montaxe coa colaboración do diario ABC, dirixido naquel momento por Torcuato Luca de Tena, onde presentan un suposto diario de Enrique Ruano no que se expresaban ideas suicidas e que foi publicado para avalar a teoría dun suicidio en lugar dun asasinato político.

3 de marzo de 1976. A clase obreira nin esquece nin perdoa.

O 3 de marzo de 1976, a policía armada asasina cinco traballadores no marco dunha serie de mobilizacións obreiras en Vitoria-Gasteiz. Manuel Fraga encontrábase neses tempos á fronte do Ministerio de Gobernación e controlaba directamente as Forzas de Orde Pública que dispararon sobre os traballadores, matando a cinco deles e ferindo indiscriminadamente centos.

Os heroes daquela tráxica xornada son os seguintes:

Pedro María Martínez Ocio, traballador de Forxas Alavesas, asasinado aos 27 anos de idade.


Francisco Aznar Clemente, panadeiro e estudante, asasinado aos 17 anos de idade.


Romualdo Barroso Chaparro, traballador de Agrator, asasinado aos 19 anos de idade.


José Castillo, traballador de Basa-Grupo Arregui, asasinado aos 32 anos de idade.


Benvido Pereda, traballador de Grupos Diferenciais, asasinado aos 30 anos de idade.

Pouco tempo despois pronuncia a célebre frase “a rúa é miña”, en referencia á prohibición de que as organizacións obreiras se mobilicen durante o 1º de Maio de 1976.

A impunidade coa que morreu Manuel Fraga contrasta coa indignidade dos miles de republicanos asasinados durante a guerra polo franquismo do que Fraga formou parte en anos posteriores. Contrasta coa represión que sufriu a clase obreira e os sectores populares durante a ditadura e a transición. E contrasta tamén co papel xogado por Fraga unha vez morto o ditador, valedor do papel que os seus herdeiros políticos xogan hoxe en día cando xestionan os resortes da ditadura do capital.

Manuel Fraga Iribarne, á fin e ao cabo foi un obediente e servizal alto cargo da ditadura, descendente directo daquela España que un redactor do xornal comunista Mundo Obreiro definía en xullo de 1936 como a dos eternos salvadores de España que non fixeron outra cousa que asfixiala; os caciques, os terratenentes, os curas máis reaccionarios e os militares golpistas e oportunistas... cando nos deixaran respirar en paz?

Para o PCPE e os CJC, a morte de Fraga non é motivo de satisfacción. Este canalla morreu pracidamente sen ser xulgado, non podemos estar contentos. Este é un momento para quitar a careta á democracia burguesa, deixando en evidencia a súa conivencia cos fascistas que gobernaron o noso país durante 40 anos.


PCPE

CJC

Ningún comentario:

Publicar un comentario