martes, 6 de marzo de 2012

8 DE MARZO

TRABALLADORAS CONSTRUINDO FRONTE OBREIRA E POPULAR



Non estamos diante dunha ola conservadora e de bárbaros patriarcais, asistimos a unha ofensiva do capitalismo para remontar a súa crise estructural e, para axudarlle fai aparición o seu patriarcal cooperador necesario de opresión.


As mulleres somos unha forza de traballo secundaria e desvalorizada. Encargouse dilo o patriarcado coa división sexual do traballo e benefíciase o capitalismo. O 15,2 % de nós, mulleres, recibe ingresos menores ou iguais ao salario mínimo interprofesional, o noso salario medio anual representa 78% do masculino, a porcentaxe de mulleres no total de asalariados con baixa remuneración é do 64,2% e a única razón de que a tasa de actividade feminina se elevara ata o 52,3% foi polo uso da nosa abaratada man de obra para presionar á baixa ao conxunto da clase obreira. Situada nos niveis máis baixos da clasificación profesional, en actividades marcadamente feminizadas e con piores condicións, acadamos xa unha tasa de paro do 23, 40%. Hoxe as políticas de axuste da oligarquía que impoñen recortes nos servicios públicos de educación, sanidade, axudas á maternidade, á dependencia, centros de terceira idade, etc. aféctannos de xeito especial ao ser nós quen aturamos a meirande parte dise traballo socialmente necesario.


Se a reforma do sistema público de pensións afastou do noso horizonte o acceso a unha pensión digna, ao facer imposible compatibilizar emprego, coidados e xubilación, as últimas medidas respecto ao mercado laboral debilitan aínda máis a posición das traballadoras, ao darse vía libre ao despedimento por acumular fallas de asistencia ao traballo, mesmo xustificadas.


A sobrexplotación, o traballo invisibilizado, gratuito, e a opresión, velaí todo canto poden ofrecernos. Se o binomio muller - pobreza segue a espallarse, se dentro do capitalismo o retroceso do patriarcado sempre foi unha formalidade estética, organicemos a única vía para enfrentar a crise capitalista que, lonxe de mareas violeta, está na loita por un proxecto revolucionario comprometido coa emancipación das mulleres.


Dentro do capitalismo non existe saída ás nosas demandas, só cabe explotación e opresión. A derrota do patriarcado, imprescindible, xunto coa superación do capitalismo, é a nosa única posibilidade. Nise camiño, a loita das mulleres pola súa emancipación terá que artellarse e buscar espacio propio, có conxunto da clase, nunha Fronte Obreira e Popular polo socialismo, que, nun proceso de acumulación de forzas, faga realidade a nosa única posibilidade efectiva de emancipación de clase e de xénero.

Ningún comentario:

Publicar un comentario