luns, 2 de xaneiro de 2012

ANTE AS NOVAS MEDIDAS DO GOBERNO É URXENTE ORGANIZAR NA RÚA A RESPOSTA OBREIRA E POPULAR

ANTE AS NOVAS MEDIDAS DO GOBERNO É URXENTE ORGANIZAR NA RÚA A RESPOSTA OBREIRA E POPULAR


Como anunciabamos durante a campaña electoral, a existencia dun déficit maior ao esperado ía ser a escusa para armar o primeiro paquete de medidas antiobreiras e antipopulares do novo goberno da burguesía. O goberno do PP, seguindo este guión cos ollos pechados, desde o primeiro momento está a xogar o papel asignado a un goberno de refresco coa tarefa de continuar desenvolvendo e acelerar o feito polo anterior goberno. A continuidade nas políticas de axuste impostas pola Unión Europea e o Fondo Monetario Internacional é a única guía de actuación posible para todos os gobernos que actúen dentro deste marco económico e institucional.

A gravidade da crise estrutural do capitalismo lévalles a adoptar estas medidas. Para defender os seus intereses e tratar de sobrevivir á metástase que corroe ao sistema, a oligarquía utiliza o seu poder para facer pagar a súa crise á clase obreira e aos sectores populares. O cambio, prometido polo PP na súa campaña electoral, esfumase nunha semana. Quen, nunha situación de paro e miseria, quixeron crer nese conto, deben de tirar conclusións.

As medidas, adoptadas o pasado venres, expresan con claridade que o goberno non ten ningunha esperanza na posibilidade de reactivar a economía do país. E por iso confía todos os ingresos futuros a unha política tributaria orientada en exclusiva sobre a poboación asalariada e sobre a fiscalidade da vivenda (conxelación de soldos á función pública, subida do IRPF e subida do IBI). Ao mesmo tempo o incremento das pensións é un exercicio de cinismo, pois fronte a un 2,4% que correspondía, o goberno sobe o 1% para aparentar que non as conxelan, pura demagoxia. Non existe ningunha medida que impoña ás grandes fortunas e aos grandes beneficios empresariais unha contribución ao obxectivo do déficit, séguese a liña de actuación do anterior goberno Zapatero, e do ditado da UE, que colocan como obxectivo central o abaratamento do prezo da forza de traballo.

Novos recortes en prestacións sociais, ataque aos dereitos laborais e subida de impostos para os que teñen unha nómina, debuxan un cadro incompleto que se terminará de pintar, tras as eleccións andaluzas, e no que mediante novos decretos lei e/ou a través da lei de acompañamento dos orzamentos, completarase a primeira parte do ataque contra os nosos dereitos e bases materiais mínimas de supervivencia. Subida do IVE, aumento de todos os impostos indirectos -en especial dos combustibles-, baixada de salarios aos empregados públicos, despedimento gratuíto, privatización xeneralizada de servizos e instalacións sanitarias, educativas, culturais, deportivas- coa consecuente eliminación da súa prestación universal e gratuíta, eliminación da negociación colectiva, despedimento gratuíto, son algunhas das novas medidas que seguro adoptarán e fronte ás que, desde xa, debemos empezar a armar a nosa resposta.Cando os sindicatos -maioritarios ou non-, por multitude de factores que xa temos analizado ao longo destes anos, seguen sumidos na incapacidade de darlle unha oportunidade á organización da resposta combativa da clase obreira, e os partidos reformistas seguen mentindo co seu idealista e imposible chamado a resolver o problema dentro do sistema buscando unha saída social á crise, non hai outro camiño que avanzar na articulación dunha contundente resposta obreira e popular que, co obxectivo da Folga Xeral, sitúe á maioría social deste país na defensa de absolutamente todos os seus dereitos.

Denunciamos o carácter pernicioso e mentireiro da táctica de ceder un pouco para non perder máis. Esa práctica, que é a base do pacto social, levounos a esta lamentable situación na que hai máis de 5.000.000 de traballadores/as no paro, con máis de 1.500.000 de familias con todos os seus membros sen traballo, que coñecen nas súas propias carnes que non é posible esperar nada positivo deste sistema. Xa non hai marxe algunha para o acordo entre sindicatos e patronal/goberno. Por encima de siglas sindicais, os traballadores e traballadoras que estamos a sufrir as baixadas de soldo, o paro e a chantaxe permanente dos empresarios debemos unirnos en Comités para a Unidade Obreira, superando o fraccionamento sindical e erguendo un futuro de unidade e loita que nos dignifique e sirva de exemplo ás vindeiras xeracións. Recuperar a solidariedade de clase e que saiban que se tocan a alguén, tocan a toda a clase obreira, é a única linguaxe que entende unha patronal crecida e disposta a todo para tratar de sobrevivir.

Loitar polos nosos dereitos pasa, ademais de por facer fronte a todas estas medidas -presentes e futuras- do goberno do PP, por esixir a saída inmediata da Unión Europea, do Euro e da OTAN.
Todos eles (PP, PSOE, EU, dirixentes sindicais reformistas, patronal, a banca) queren máis UE e un € máis forte, digamoslles alto e forte que nós non, que sabemos que fóra de aí si hai futuro e que estamos dispostos/as a conquistalo.Non hai futuro no capitalismo para a maioría social que traballa e produce a riqueza; por iso é necesario armar as conciencias do pobo na necesidade dun cambio de época que, situando á clase obreira no poder, nos permita avanzar cara ao Socialismo e o Comunismo.


¡A LOITA É O ÚNICO CAMIÑO!


31 de decembro de 2011

Partido Comunista dos Pobos de España

Comité Executivo

Ningún comentario:

Publicar un comentario